Wednesday 01 de May de 2024

A Pobra conmemora o Día Internacional de Monumentos e Sitios cunha visita comentada polo patrimonio local


O Día Internacional de Monumentos e Sitios conmemórase na Pobra do Caramiñal coa visita comentada As casas institucionais dos concellos do Caramiñal e da Pobra, a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, quen precisa que “se pon en valor o patrimonio histórico, o patrimonio cultural e os sitios de interese cultural e natural” e lembra que no verán se impulsaron visitas a diversas edificacións históricas.

“Agardamos unha boa acollida por parte da xente ao igual ca nos dous anteriores anos. De feito, no 2023 participaron arredor de corenta persoas, polo que a nosa expectativa é acadar novamente esa cifra. Consideramos que é moi interesante e está aberta a tódalas idades. Cambiamos novamente o itinerario para así redescubrir outros espazos moi relevantes a nivel patrimonial”, indica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Con relación a isto último tamén se pronuncia o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal. Segundo apunta, “trátase dunha maneira diferente de divulga-lo noso patrimonio local, tendo en conta a gran riqueza da que goza A Pobra do Caramiñal nesta materia. Quero lembrar que a casa da cadea se incorporou ao catálogo de patrimonio público a comezos de 2024 trala adquisición por parte da Administración local. E, precisamente, este será un dos inmobles que coñezamos máis polo miúdo nesta visita comentada que promovemos, non só para a xente de fóra, senón que tamén para que a veciñanza teña ocasión de saber máis sobre parte da súa historia.”

Esta actividade que une cultura e patrimonio desenvolverase no 21 de abril, se ben a dita xornada se conmemora no día 18, para facilita-la asistencia por ser un domingo.

O percorrido partirá ás 11.30 horas do cruceiro de Entre Vilas para dirixirse á casa da cadea e rematar na casa do concello. Repartiranse tamén trípticos informativos.

As inscricións son de balde e deberán formalizarse na propia institución museística ou nos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484.

Deja un comentario